Para conmemorar esta data no colexio, e dado que o autor homenaxeado este ano tiña abundante produción literaria asequible e axeitada para o noso alumnado, decidimos organizar un festival. que chamamos "Arredor das Letras" por celebrarse en datas próximas ao Día das Letras Galegas e que tivo lugar o pasado 20 de maio na nave da Escola-Taller, grazas á colaboración do Concello.
Para a súa organización contactamos con Manuel Fariña e coa Banda Xuvenil de Barro (que colabora frecuentemente con nós) para pedirlles nos acompañasen musicalmente nalgún poema de Manuel María.
Aceptaron gustosos a participación e ofrecéronse a interpretar algúns temas: "Piratas del caribe" banda sonora da película homónima e o pasodobre "Martiñika" de Roxelio Groba baixo a dirección de Alberto Busto.
Decidíuse interpretar conxuntamente o poema de Manuel María "O carro" musicado por Mero Iglesias grazas aos arranxos para banda feitos por Adrián Silva Magdalena. Foi o noso fin de festa.
No colexio aprendimos ademais outros poemas de Manuel María cos que traballamos nas aulas e que logo cantamos no festival.
Coa profe Claudia argallamos coreografías e aprendimos as cancións deses poemas que están recollidas no libro-disco "Canta o cuco" musicado por Uxía Senlle e Magín Blanco: "A roda - roda", "A dorna", "O cuco", "A vaca", "O lar" e "A cidade".
O alumnado de 5º e 6º curso cantou ademais "Galicia" poema musicado por Suso Vaamonde.
@s compañeir@s do IES sumáronse á celebración e prepararon dous poemas de Manuel María "A fala" e "Idioma meu" que eles mesmos musicaron baixo a coordinación de Miro, o seu profe de música. A presentación do festival correu ao seu cargo e foron dous ex-alumnos do noso centro, Martín e Brais os encargados de dar paso a cada actuación.
A continuación ofrecemos dous vídeos que preparamos, un cun resume das actuacións e outro con alguhnas imaxes da festa.
Grazas a tod@s!
Resultou unha festa fantástica!
Un saúdo,
MIMI.
Ningún comentario:
Publicar un comentario